martes, 19 de mayo de 2009

O perigo das antenas: fóra de cobertura

Nos últimos tempos, os medios de comunicación veñen dando conta de noticias sobre conglomerados de casos de cancro na contorna de estacións base de telefonía móbil. A alerta social está acendida en moitos lugares do país. Diversas asociacións de veciños, ONGs, grupos ecoloxistas, están a loitar por que estas antenas se afasten das vivendas e esixen unha información clara en canto á súa situación legal e aos posibles efectos prexudiciais. Un destes casos é o de A Saxosa, un núcleo rural con pouco máis de setenta veciños situado no municipio pontevedrés de Vilaboa. No 2008 saltaron as alarmas ao coñecérense sete casos de cancro nos dous anos anteriores, tres deles en persoas menores de 45 anos e dous, mortais. Os veciños relacionan estas doenzas coas tres antenas de telefonía móbil que coroan o outeiro da aldea. Todos temen pola súa saúde e queren as antenas fóra. Polo xeral, quéixanse de que a súa saúde foi empeorando dende que estas comezaron a funcionar en 1999. Cren firmemente que hai unha relación directa entre elas e os casos de cancro que apareceron na vila. Ademais, denuncian irregularidades: que as antenas carecen de licencias, que están situadas moi preto das casas e que emiten por riba dos límites permitidos.

As estacións base de telefonía móbil, estruturas xeralmente de grandes dimensións, proliferaron por todo o territorio sen unha orde aparente. Á hora de establecer unha normativa para estas instalacións xorden problemas nos límites competenciais das diferentes administracións. Ademais, malia que existe unha normativa a nivel europeo e estatal que fixa os criterios de exposición de ondas electromagnéticas, diferentes voces teñen denunciado que estes se incumpren e son insuficientes. Denuncian que as ondas que emiten estas instalacións producen diferentes trastornos na saúde, sendo un dos máis grave o cancro. De ser isto creto, estaríamos a falar dun grave caso de saúde pública, de neglixencia a nivel internacional. Algúns países estableceron límites máis restritivos para as ondas electromagnéticas baseándose no principio de precaución. Porén, na actualidade, aínda non hai estudos totalmente fiables que demostren que as ondas emitidas polas antenas de telefonía móbil produzan trastorno algún.

Entre dúas terras
No outeiro de A Saxosa hai instaladas tres estacións base. Unha pertence a Telefónica, e está situada en territorio do Concello de Vilaboa. As outras dúas, de Vodafone e Orange, están en Salcedo, parroquia do municipio de Pontevedra. Os veciños, co apoio da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) comezaron a protestar por estas instalacións debido ao preocupante incremento de casos de cancro, especialmente en xente nova. Descubriron que estas antenas carecían de licenza de actividade. O porqué desta situación, común en todo o territorio nacional, é froito dos plans de implantación desta tecnoloxía na década dos noventa e do desleixo por parte das administracións, o que conforma un panorama legal máis complexo do que semella nun primeiro momento. En casos coma este “chocan normativas”, como indica Luís Míguez Macho, decano da Facultade de Dereito da USC. A instalación de estacións base non é competencia exclusiva dunha soa administración. O Goberno central, a través do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (MITYC) ten competencia exclusiva para lexislar sobre telecomunicación. Á vez as autonomías son competentes en materias de saúde e de medio ambiente. Pola súa parte, o urbanismo e a ordenación do territorio é competencia dos concellos. O caso é que as infraestruturas de telecomunicacións supoñen un uso do solo e , por tanto, afectan ao territorio e ao urbanismo, polo que se bifurcan as marxes entre competencias. Uns atrancos que se ven acrecentados polos posibles riscos que estas instalacións poidan supor para o ambiente e a saúde das persoas.

As antenas de A Saxosa foron instaladas en medio do proceso de implantación desta tecnoloxía, a mediados dos noventa. A maioría dos concellos non contaban con ordenanzas específicas para estas construcións. As operadoras foron instalando moitas antenas sen autorización, sen licencias urbanísticas. O Estado consentiu esta situación, interesado na expansión e implantación da telefonía móbil e deixando o marrón ás administracións locais que, en moitas ocasións, optaron polo laissez faire. Outros concellos elaboraron ordenanzas específicas e comezaron a denegar licencias para novas instalacións de estacións base e a desmantelar aquelas consideradas ilegais polos municipios. As operadoras acudiron entón aos tribunais, esgrimindo a tese de que as telecomunicacións son servizos de interese xeral. A meirande parte das resolucións dos tribunais superiores de Xustiza deron e dan a razón ás operadoras e anulan os artigos restritivos das ordenanzas, especialmente os que obrigan a afastar as antenas da poboación ou os que fixan límites de potencia ás antenas, alegando que invaden as competencias lexislativas do Estado. Como indica Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na Facultade de Dereito da USC, os xuíces “poderían ter máis visión ambiental e da saúde. Entre os intereses do lobbies e os grupos cidadáns, gañan os primeiros”. No caso de A Saxosa, as antenas carecen das licencias urbanísticas tanto do Concello de Vilaboa como do de Pontevedra. No seu momento entenderon que a licenza de funcionamento, acreditada polos Servizos Técnicos do MITYC, outorgaba directamente a licenza municipal. Francisco José Torres Barcala, tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Medio Ambiente de Vilaboa, afirma que a nova ordenanza municipal, prevista para o próximo xuño, regulará esta situación. As antenas son legalizables.

O medo da incerteza
Alén da confusión en materia legal, que en nada axuda á tranquilidade das persoas, as antenas de telefonía móbil producen rexeitamento alá onde están. Foron moi coñecidos casos coma o do colexio público García Quintana de Valladolid, que perturbou a opinión pública. Nel aparecera unha concentración elevada de casos de cancro en alumnos. Os pais denunciaron a relación entre estas doenzas e unhas antenas que había preto da escola. Lograron que se aplicase o principio de precaución e as antenas foron desmanteladas. O posterior estudo epidemiolóxico descartou a relación entre esa instalación e os casos de cancro. O caso foi sobresido en 2003.

Asuntos coma este foron alimentando o medo cara as estacións base de telefonía móbil. Un temor fundamentado, principalmente, pola falta de información. O descoñecemento fai que se confunda, por exemplo, emisións que non son ionizantes, como as da televisión ou as da radio, con radiacións que si o son, como os raios X. As ondas electromagnéticas son o instrumento de transmisión de sistemas de comunicación como a telefonía móbil ou wi-fi. Son radiacións non ionizantes, caracterizadas por non seren capaces de producir alteracións nas células, como si sucede cos raios X ou a enerxía nuclear. Outros dos factores son as molestias estéticas e acústicas, e a sensación de falta de control e participación nas decisións de ubicación das estacións base. Ninguén quere ter preto da súa vivenda unha antena de telefonía móbil. Moitos movementos veciñais e asociacións piden que as estacións base se sitúen lonxe de lugares habitados. A distribución das antenas responde a unha división do espazo ao que se quere dar cobertura nun esquema de celas que representan o radio ao que dá servizo unha estación. Canto menor sexa o tamaño da cela, menor será a potencia á que terán que emitir tanto a antena como os teléfonos móbiles que estean conectados a ela. Afastar as antenas non semella a solución.

Á xente preocúpalle que as estacións base estean a emitir sen control. O certo é que os diferentes estudos e medicións que se levan feito en todo o territorio nacional revelaron uns valores de exposición radioeléctrica que representan entre o 0,002 e o 2% do que sería o límite recomendado. Segundo o último informe de Industria, a media nacional do nivel de radiación en 2007 foi de 0,452 µw/cm², cifra moi inferior ao establecido como límite pola lei, 450 µw/cm². Con respecto a isto, as distancias se establecen en base ao nivel de radiación. De xeito excepcional, e en virtude do principio de precaución, moitas ordenanzas municipais establecen as denominadas zonas sensibles na contorna de hospitais, escolas, parques ou centros de ocio. Estas medidas non se deben a que se teñan identificado riscos concretos nestas situacións, senón que son máis un xeito de diminuír a percepción de risco por parte do público que a constatación dun risco máis elevado.

Saúde e antenas
Entre as antenas do outeiro de A Saxosa e as primeiras casas hai 140 metros. Fronte a estas, un xeriátrico construído en 2006. Estas distancias, a priori, están incumprido o principio de precaución, mais non están a incumprir lei ningunha, xa que esta só recomenda. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ten constancia delas e elabora todos os anos unha revisión para constatar os niveis de exposición. As tres antenas emiten por baixo da media nacional, entre menos de 0,01 e 0,11 µw/cm², como se pode comprobar nos resultados das medicións anuais publicados no visor cartográfico de o MITYC ten na súa web. Os límites establecidos polo Estado español son os mesmos que estableceu o Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea en 1999 e que foron recollidos pola maioría dos Estados Membros. Porén, hai xa uns anos que comezou a haber certas discrepancias sobre estas recomendacións, e algúns países, como Italia ou Suíza, optaron por facer normativas máis restritivas neste senso. O BioInitiative Report, un informe sobre campos electromagnéticos e radiacións realizado por 14 científicos internacionais, encargado por la Axencia Europea do Medio Ambiente, pide que se revisen os límites permitidos de radiación, xa que consideran que os vixentes non son suficientes. Diversas asociacións de expertos e organismos internacionais competentes na materia teñen criticado estas medidas, nas que consideran que priman máis os intereses políticos que os estritamente científicos.

O último informe realizado polo Comité Científico sobre Tecnoloxías Emerxentes e Novas (SCENIHR) para a Comisión Europea sinala que non hai evidencias probadas de que os campos de radiofrecuencia poidan producir cancro ou outra alteración na saúde. O informe Steward, referente mundial, ou o informe técnico Campos electromagnético y Salud pública elaborado por un comité de expertos para o Ministerio de Sanidade, conclúen cousas semellantes. En experimentos de laboratorio detectáronse respostas biolóxicas que non son indicativas de efectos nocivos para a saúde. Tampouco se ten identificado ata o momento ningún mecanismo biolóxico que mostre relación causal entre a exposición a este campos electromagnéticos e o risco de padecer algunha enfermidade; conforme aos valores establecidos de potencia de emisión, ás distancias calculadas en función dos criterios de recomendación e sobre as bases da evidencia científica dispoñible, as antenas de telefonía e os terminais móbiles non semellan representar un perigo para a saúde pública. Porén, cumprindo co principio de precaución, e a pesar da ausencia de indicios de efectos nocivos para a saúde, convén fomentar o control sanitario e a vixilancia epidemiolóxica co fin de facer un seguimento a medio e longo prazo das exposicións a campos electromagnéticos.

Polo tanto, precaución
Os organismos oficiais din que a exposición a estes campos non producen efectos adversos para a saúde. Pero dende logo ninguén está en condicións de afirmar de xeito taxativo que estas radiacións son inocuas, nin moito menos. Por unha banda, hai uns límites establecidos e unhas distancias de seguridade. Recoméndase aplicar o principio de precaución porque a ausencia de risco non está garantida. Por esta razón, por exemplo, a normativa autonómica galega clasifica as estacións base dentro das actividades molestas, insalubres, nocivas ou perigosas, polo que están sometidas ao procedemento de previa avaliación ambiental. Por outra banda, algúns expertos advirten que os niveis indicados por lei só nos protexen do quecemento en proximidade das antenas. “Hai informes que demostran que os campos electromagnéticos, cando traballan a niveis non térmicos, si producen alteración, como na secreción de melatonina”, advirte o doutor Juan Miguel Barros Dios, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Facultade de Medicina da USC. “O risco cero non existe”. O que si é certo que as aseguradoras comezaron a deixar de cubrir riscos nestes casos. Comezan a aplicar o seu propio principio de precaución, previsoras de que a normativa se endureza e teñan que indemnizar, comenta a profesora Alba Nogueira.

Polo de agora non existen evidencias científicas sólidas que establezan un vínculo causal entre conglomerados de cancro e as estacións base de telefonía móbil. Cómpre sinalar que, dende o punto de vista xeográfico, o cancro distribúese de xeito irregular na poboación. Os casos de cancro semellantes aos de A Saxosa adoitan ser de distinto tipo, sen características comúns, polo que en principio non é probable que se deban á mesma causa. Para comezar a investigar casos coma este é imprescindible un estudo epidemiolóxico. Pero como indica Barros Dios, as variables que se manexan nestes estudos son moi grandes e a súa elaboración dilátase no tempo.

O Concello de Vilaboa agarda ter unha nova ordenanza para o próximo xuño. Unha ordenanza que debería ter o principio de precaución como premisa fundamental. Non podemos aceptar que a saúde vaia a remolque dos plans de implantación tecnolóxica (por outra parte, de gran importancia social e económica) nin dos intereses empresariais e económicos ou do desleixo das administracións. A poboación ten dereito á protección da súa saúde, e a gozar dun medio ambiente axeitado, tal e como se recoñece nos artigos 43 e 45 da Constitución española. Debería disporse de información real sobre as garantías sanitarias e as potencias de emisión radiadas ao nosos corpos e cerebros en calquera intre e de xeito accesible. Por iso, iniciativas como a Direcció General de Modernització da Comunidade Valenciana ou o Sistema de Monitorització de Radiofrecuencia (SMRF) de Cataluña móstranse como unha boa alternativa para que a poboación teña acceso e información sobre estas instalacións en todo momento para vivir cunha maior seguridade. Polo menos mentres a ciencia non demostre o contrario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario