Hoxe preguntáronme pola que previsiblemente será a Lei Especial de Delitos Mediáticos en Venezuela. Que queren que opine? Que é demencial. Non fai falla ler moito para caer na conta de que é unha lei totalmente regresiva e que colide directamente co dereito fundamental á liberdade de expresión de calquera ser humano. A través dela dise que se procura a estabilidade das institucións do Estado, a paz social, seguridade, independencia da Nación, a orde pública e até a atención á saúde mental ou moral pública. Atendendo a isto último entendo que esta lei non lle será aplicada a Chávez! Mais polo que respecta ao resto da cidadanía, case ninguén estará libre de poder sufrir as consecuencias de expresar a súa opinión, xa que non só poderán ser penados os donos dos medios de comunicación ou os seus traballadores, senón que "calquera outra persoa que se exprese a través de CALQUERA medio de comunicación”. Isto vai máis alá dos medios de comunicación xornalísticos! Isto non é só unha simple lei de prensa!
O artigo 5 é para mexar e non botar gota. Que se supón que hai que entender por noticias falsas? As que vaian en contra do interese do Estado. Así de simple. Os venezolanos viven nun estado que se chama Venezuela, mais eles non son Venezuela porque hai xa un tempo que non os deixan. Venezuela, ou mellor, o Estado venezolano é Chávez e a súa camarilla. Polo tanto, as noticias que atenten ao Estado serán aquelas que atenten a Chávez.
Porque Chávez é tamén Medio de Comunicación. É máis, el é o Medio. Por iso só a súa voz é a que debe ser escoitada. E as voces dicordantes (que cada vez son máis, de aí esta "lei especial") son ameazadas con penas de 4 anos de cadea.
Despois disto xa poderá trocarlle o nome ao Ministerio de Comunicación e Información polo de Miniver (Ministerio da Verdade).
A SIP, Sociedade Interamericana de Prensa bota as mans á cabeza con semellante proxecto de lei: "Nunha democracia non poden existir delitos de prensa, senón a través dela". Pregúntome eu, que queda de democracia en Venezuela?
