viernes, 18 de junio de 2010

Pequena homenaxe a José Saramago

Esta é unha entrevista imaxinaria que fixen o 27 de marzo de 2009 a José Saramago.
Valla logo coma unha pequena homenaxe.

O seu nome é do máis común. Hai uns días que se celebrou o seu santo. Pepe aquí, Zé alá…
O seu apelido é unha planta da familia das verzas e das nabizas, moi común nas hortas portuguesas. Porén, ao xuntar eses dous nomes, José e Saramago, falamos dun escritor extraordinario. O Premio Nobel de Literatura foille concedido en 1998 “pola súa capacidade para volver comprensible unha realidade que foxe, con parábolas sostidas pola imaxinación, a compaixón e a ironía”, segundo a Academia Sueca. Da man do propio Saramago, tentaremos ver quen é o home que fica detrás da obra.

• José Saramago, sei que en moitas ocasións primeiro dá co título e logo escribe a obra. Gustaríame que antes de comezar esta entrevista lle puxese un título.
(José Saramago ten dito que moitas veces se lle ocorre un posible título para un libro, e a partir del, desenvolve a idea).

Bloque 1

A. Di que cando escribe búscase a si mesmo. Despois de tantas páxinas escritas, xa se atopou?

B. Que hai no Saramago de A viaxe do elefante que non había no de Terra do Pecado?
(Terra do Pecado foi a primeira novela que escribiu Saramago, en 1947. A viaxe do elefante é a súa última obra.)

C. Falando de primeiros libros, durante moito tempo non tivo diñeiro para ter libros de seu. Conserva o primeiro libro que comprou?
(Segundo o propio Saramago, até os 19 anos non puido mercar ningún libro, e con diñeiro emprestado por un amigo.)

D. A súa relación coa literatura foi, dende novo, moi íntima mais azarosa. Como eran aquelas noites de lectura na biblioteca do Palácio das Galveias?
(Cando rematou o curso e comezou a traballar de mecánico, polas noites frecuentaba a biblioteca pública do Palácio Távora-Galveias, en Lisboa. Alí Saramago “sen axudas nin consellos, só guiado pola curiosidade e pola vontade de aprender”, foi onde desenvolveu e puliu o seu gusto pola lectura)

Bloque 2

A. A súa orixe humilde impediulle facer estudos superiores. Estudou para cerralleiro mecánico na Escola Industrial Afonso Domingues. Non sei se daquela pensou que algunha vez se ía dedicar a escribir…
(José Saramago non fixo nunca estudos superiores. Estudou para cerralleiro mecánico na Escola Industrial Afonso Domingues, en Lisboa, xa que a súa familia, por falta de medios, non se podía permitir que o fixo fose á Universidade. O plano de estudos desa escola incluía o ensino de Francés e Literatura. Foron os libros escolares os que lle abriron as portas da literatura a Saramago.)

B. Comezou o discurso de entrega do Nobel dicindo que home máis sabio que coñecera era o seu avó, que non sabía ler nin escribir. Que aprendeu do seu avó que non aprendeu dos libros.
(“O home máis sabio que coñecín en toda a miña vida no sabía ler nin escribir”… De cómo a personagem foi mestre e o autor seu aprendiz, discurso de entrega do Nobel pronunciado en Estocolmo o 7 de outubro de 1998)

C. Personaxes como o seu avó poboan Levantado do chan, a obra que inaugura o seu particular estilo. Como era a Azinhaga pola que Saramago andaba descalzo?
(Saramago foi vivir a Lisboa só con dous anos. Porén, e até á maioría de idade, pasou longas tempadas en Azinhaga xunto cos seus avós, campesiños criadores de porcos e analfabetos. Saramago sempre tivo presente a súa orixe humilde até ao punto de dicir que “sigo sendo un campesiño” ( El Mundo, 16-11-2007). Isto sería reflectido en As pequenas memorias (2006) e en Levantado do chan.)

D. Que queda dela agora?

E. Son as oliveiras do seu xardín unha lembranza…
(Saramago ten 2 oliveiras plantadas no xardín da súa casa. Hai uns anos, o goberno portugués mandou arrincar as oliveiras de Azinhaga para manter os prezos do aceite en Portugal. Agora, os campos de Azinhaga están dedicados ao cultivo de cereais, tendo mudado moito de aspecto.)

Bloque 3

A.Levantado do chan foi publicada despois de decidir que só se ía dedicar á literatura. Foi unha decisión ou unha consecuencia política?
(Levantado do chan (1980) inaugura o particular estilo de Saramago. Dous anos antes o autor traladouse uns meses a Lavre, Montemor-o-Novo, Portugal, para convivir cos traballadores da Unidade de Produção Boa Esperanza. Daquela Saramago xa se dedicaba exclusivamente a escribir e traducir.)

B. Foi relevado do cargo de director adxunto de Diário de Notícias o 25 de novembro de 1975 acusado de radicalismo marxista. Ten mudado a imaxe dos comunistas en Portugal?
(Saramago é nomeado director adxunto do Diário de Notícias en abril de 1975, un ano despois da Revolução dos Cravos. O 25 de novembro é relevado do cargo acusado de radicalismo marxista, no momento en que Portugal sofre un golpe político-militar que freou o proceso revolucionario.)

C. Que diferenza hai entre “É bo, pero é comunista” e “É comunista, pero é bo”?

D. Gorbachov, a caída do Muro de Berlín, a hexemonía americana, a China comunista convertida en potencia capitalista… e agora a crise económica mundial. É esta unha oportunidade para o socialismo?

E. Por que a crise actual é un “crime contra a humanidade”?
(Público, 20-11-2008)

F. Era unha crise anunciada?

Bloque 4

A. Falando de profecías. O ano no que é despedido e decide dedicarse exclusivamente á literatura publica O ano de 1993, unha das súas obras máis escuras. Precisamente 1993 foi o ano no que se traslada a Lanzarote…

B. Aínda que O ano de 1993 ten un final felíz…

C. A obra teatral Que farei con este libro? foi un aviso do que o autor ía escribir despois?
(Que farei con este libro (1980) é unha peza de teatro que relata parte da vida de Camões. Nel o protagonista ten que enfrontarse ao poder real e eclesiástico para defender os seus escritos. Saramago terá varios problemas coa Igrexa con Memorial do convento (1982) ou O Evanxeo segundo Xesús Cristo (1991).

D. En 1991 publica O evanxeo segundo Xesús Cristo, pola que foi galardoado dentro e fóra de Portugal. O ano seguinte, o goberno portugués veta a súa candidatura ao Premio Literario Europeo. Nese momento decide marchar do seu país. Por que Lanzarote?
(O goberno portugués vetou a candidatura deste libro ao Premio Literario Europeo en 1992 porque se consideraba ofensivo para os católicos portugueses. Recibiu duras críticas dende o Vaticano, malia que sectores da igrexa portuguesa non se quixeron pronunciar. Pouco despois, Saramago decide mudar de residencia deixando Portugal, fixando a súa residencia até hoxe en Lanzarote, Illas Canarias.)

E. (Lanzarote) Refuxio ou exilio?

Bloque 5

A. Para Lanzarote non só levou decepcións…

B. Que é Pilar del Río para Saramago, alén da súa dona?

C. Que facía aquel mozo de 63 anos durante as nove horas que duraba o traxecto entre Lisboa e Sevilla?
(Saramago coñece a xornalista española Pilar del Río en 1986. Casará con ela en 1986. Cando se coñeceron , Saramago tiña 63 anos e Pilar 36. Durante algún tempo, Saramago viaxou dende Lisboa até Sevilla “como un estudante”, segundo as súas palabras.)

D. Segundo teño entendido, a carta máis intelixente e diplomática que escribiu foi a Pilar…
(Pilar del Río coñece a Saramago como unha admiradora. Pasaron varios meses até que Saramago volve a atoparse con ela.)

E. Este reloxo que aquí teño marca as catro, como todos os reloxos da casa de Saramago….
(Saramago e Pilar del Río coñecéronse un día de xuño de 1986 ás catro da tarde. Todos os reloxos que Saramago ten na súa casa están parados a esa hora.)

Bloque 6

A. A pesar desta marabillosa mostra de amor, Saramago ten fama de non mostrar os seus sentimentos…
(De Saramago dise que ten un carácter reservado, introspectivo, serio, parco en palabras, etc.)

B. Emocionouse moito cunha secuencia da película A cegas, baseada na súa obra Ensaio sobre a cegueira…
(Cando Saramago veu a película de Meirelles emocionouse moito, especialmente na secuencia que recrea un pasaxe da súa obra na que un grupo de mulleres van en fila dispostas a ser violadas para conseguir alimento para elas e os seus homes.)

C. Dixo que nesa secuencia viu retratada toda a historia da muller. Que lle parece como se está a tratar o tema do aborto en España?

D. Na súa última obra, A viaxe do elefante, a igrexa tampouco escapa das súas críticas. É coherente a súa estratexia propagandística?

E. A súa loita polos dereitos humanos tomou corpo coa fundación que leva o seu nome, que agora ocupará a emblemática Casa dos Bicos en Lisboa…
(A Fundación José Saramago aparece en 2007. Agora, o concello de Lisboa cedeu a Casa do Bicos, situado na Ribeira Velha lisboeta, un edificio emblemático para a cidade e con moito significado para Saramago.)

Bloque 7

A. Unha fundación, 45 obras publicadas, artigos, conferencias, 105 premios e distincións en todo o mundo… este é o legado que Saramago deixa. Que parte lle toca a Saramago?
(“Tenho o Nobel…e quê? Entrevista para a Globo.)

B. Como pensa que é visto en Portugal?
(É a partir dos oitenta cando Saramago comeza a ser un escritor de relevancia internacional. Debido ás súas conviccións políticas e relixiosas, tivo bastantes desencontros co goberno portugués.)

C. Por que a indignación é o seu estado natural?
(“Teño un cabreo profundo, permanente(…). Mire, se eu puidera redactar o meu propio epitafio diría “aquí xace, indignado, fulano de tal. A indignación é, digamos, o meu estado habitual.” El Mundo)

D. Revolucionario, radical, “desmancha-placeres*… Son licencias que se gañan cos anos?
(Saramago declarouse así nunha entrevista para o Jornal de Poesía, 26 de novembro de 2008. “Canto máis vello, máis libre, e canto máis libre, máis radical”, Revista Espéculo, 2001)

E. Ten algo do que arrepentirse?

Peche

• Para pechar esta entrevista. Cambiaría o título que lle deu ao comezo?



“Dentro de nós hai algo que non ten nome. Ese algo é o que somos”. Ao contrario do que moitos digan, iso que Saramago ten dentro é calquera cousa menos pesimismo. José Saramago. Grazas por compartir este seu tempo e este pequeno retallo da súa vida.