¡Intelijencia, dame el nombre exacto de las cosas! Juan Ramón Jiménez
Estaba eu no fastío que supón reconstruír ou reescribir as notas de prensa da Xunta de Galicia, que parecen ser a última alternativa ante a desesperación dun domingo parco en acontecementos, accidentes, desgrazas ou algún acto (actuación na xerga). Nun deses domingos, digo, chegou ás miñas mans, ou máis ben da man da redactora xefa, unha información aos medios que me perturbou un pouco. Viña do gabinete de comunicación da Consellería de Sanidade e tiña por título “O número de transplantes de tecidos en Galicia foi no pasado ano de 1.142”, e datado erroneamente en 18 de abril de 2004, mais ese non é o conto.
Como é común nestes documentos, preséntasenos unha serie de cifras e porcentaxes que moitas veces confunden máis do que informan. A nota estaba bastante ben estruturada, na que se enumeraba o tipo de intervencións máis comúns e se explicaban as súas aplicacións. Unha delas chamou a miña atención, o implante de proxenitores hematopoéticos, un termo que se repetía na documento seis veces. Evidentemente, non tiña nin idea de que era iso de hematopoético, malia que tirando de background puiden facerme unha primeira idea aproximada. Hemato- significa sangue, pero -poético? Non é que dubidase da posible beleza lírica dos transplantes de tecidos, pero achaba a palabras un tanto estraña. Non será -poiético? Do que en castelán sería poyesis? Do grego ποίησις, “creación”?
Como na fin de semana a Radio Galega carece de lingüista, comezou entón a miña busca nos dicionarios na procura dese termo que non podía nin quería dicir con outras palabras. E explícome. Na radio, se non hai corte de voz, non hai noticia. E neste caso había un corte do director da Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, Jacinto Sánchez. A primeira parte non me servía para nada, pois era unha restra de cifras que non dicían ren. Porén, si achei interesante o que dicía despois, o dos “transplantes hematopoéticos aloxénicos non emparentados”. Só podía tirar por aí, para a miña desgraza.
Se o propio director da Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia dicía “hematopoéticos” pois sería así. Pero permitinme o luxo de desconfiar, porque podería ser que se trabucara. Non había moito que estaba a redactar unha noticia sobre uns carteliños que a Consellería de Sanidade, aos que chamaba pictogramas, fixera para informar as grávidas estranxeiras en Galicia. As gráficas foran repartidas polos centros de saúde e hospitais, ás enfermeiras e enfermeiros (que non ATS) e aos especialistas, entre eles, aos obstetras. Daquela quedei pensando uns intres e pregunteille ao meu compañeiro se sabía o que era un obstetra. El dixo que non. Outro tampouco sabía. Pero seguro que habería máis xente que coñecía a palabra, quizais menos técnica, tocólogo, que resulta ser o seu sinónimo máis estendido. Ademais, no corte de voz que debía engadir á nova, a directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez dicía “ostetras”, que ben podería ser unha forma elegante de chamarlle aos celadores ou a calquera outro. O caso é que me decidín por tocólogo. A miña hipótese foi confirmada uns días despois, cando preguntei a unhas amigas se coñecían o termo, e a resposta foi que non, diante dun estudante de Medicina portugués que quedara francamente sorprendido da nosa ignorancia no tocante ao tema. Despois de discutirmos un bocado, chegamos á conclusión de que non todos eramos estudantes de Medicina e que, ademais, en Portugal ninguén coñecía a palabra tocólogo, porque o común é obstetra. E obstetrícia.
En fin, ata podería ser posible que o termo hematopoético fose correcto. E o era. Atopei o termo no dicionario: Hematopoese (de hemato- + gr. poiesis (produción) s.f. Proceso de formación, maduración e liberación dos diferentes corpúsculos sanguíneos; hemopoese. Ao final ata resultou que a palabra estaba emparentada coa poesía. Fascinante. Estaba equivocado, a palabra era hematopoético e non hematopoiético (en inglés si conserva o i, haematopoiesis). Unha vez certo de que ese era o termo correcto chegaba a segunda parte. Alguén sabe o que é iso? Entenderían os ouvintes semellante palabra? Non podía subestimalos, mais tampouco dar nada por sabido. E este era un caso flagrante.
Este cavilar meu non se podía dilatar demasiado. A nota dicía que este tipo de transplantes era chamado antes “de médula (sic) ósea, que xa é o segundo tecido máis implantado”. Entón, o que todos coñecemos por transplante de medula ósea agora se chama transplante de proxenitores hematopoéticos. Pero na nota non se dicía o por que do cambio. Pescudei moi por riba e non me quedou nada claro. Non tiña máis tempo e decidín prescindir de parte da exactitude polo uso habitual. Ese transplante e o de medula eran a mesma cousa.
De maneira máis pausada continuei a miña procura para dar resposta a aquel misterioso cambio de nome que de seguro non era gratuíto. Atopei resposta na páxina da Clínica Universidad de Navarra, onde o doutor José Juan Rifón Roca, especialista en Hematoloxía, explica que é o transplante de proxenitores hematopoéticos e por que se lle tiña mudado de nome ao transplante de medula ósea. Tradicionalmente se lle chamaba así porque as células proxenitoras hematopoéticas se obtiñan sempre da dita medula, mais actualmente extráense na maioría dos casos do sangue. Simplificando, o proceso consiste en separar e seleccionar as células sanguíneas do doador que interesan e administralas como se fose unha transfusión de sangue ao receptor.
Comprendan as miñas dúbidas sobre a información que redactei para o informativo Crónica das dúas fin de semana do 18 de abril de 2010 e que con toda probabilidade pasou sen pena nin gloria. Fun rigoroso? Fun cauto? Fun sensato? A peza informativa quedou deste xeito:
O número de transplantes de tecidos en Galicia aumentou un 15 por cento no ano pasado. Dos 1.142 destes implantes realizados, 757 foron de tecidos músculo esqueléticos, 149 de proxenitores hematopoéticos, 119 de córneas, 101 de membrana amniótica e 16 de tecido vascular.
Sen ser o máis común, cómpre destacar o incremento experimentado no último ano do transplante de proxenitores hematopoéticos ou de medula ósea, que xa é o segundo máis estendido.
Ata 2008, o tratamento común era o autotransplante ou o dun familiar. A partir desa data, incorporouse nos complexos hospitalarios de Santiago, A Coruña e Vigo o transplante de medula ósea no que o doador non ter por que ser da familia. Jacinto Sánchez, director da Oficina de Coordinación de Transplantes, destaca as súas vantaxes:
“No ano 2008 comezou a realizarse na nosa comunidade un tipo de transplante moi importante, que é o de proxenitores hematopoéticos aloxénicos non emparentados, é dicir, doentes que non teñen un familiar que non poden doar unha médula ósea e que hai que facer unha búsqueda a nivel internacional para poder realizar o implante; e dende hai xa máis dun ano e medio estes doentes quedan na nosa comunidade e poden recibir un transplante”. O transplante de medula é fundamental en enfermidades sanguíneas e cancros, como é o caso da leucemia.
Como apuntamento, cómpre destacar que cunha soa doazón de tecidos humanos pódense beneficiar unha media de 20 persoas.
Agora sei que se trata de procedementos diferentes e o cambio de nome está xustificado. Tamén sei que de ter máis tempo tentaría explicar a diferenza entre os dous. Pero que queren, os tempos na redacción son os que son. De non ser porque o corte de voz me obrigase a ir por aí, seguro que redactaría unha nova un pouco máis sumarial. E ademais, a información aos medios mandada pola Xunta daba cousas por evidentes. Dicía que o transplante de proxenitores hematopoéticos era chamado antes de medula ósea sen dar máis explicación.
Polo menos intenteino. Non me quedei tan fresco e puxen o termo sen máis. Véxase a mesma noticia nas páxinas de Atlántico Diario e de La Región ese día subidas ás 14:00 horas. Un bo exercicio de síntese de dúas follas completas de nota de prensa, malia que algo desafortunada. Das tres frases que se compón o texto vexamos as dúas últimas: “Asimismo, de una única donación de tejidos en Galicia se benefician una media de 20 personas, lo que dio lugar a 2,5 intervenciones el año pasado que beneficiaron a 921 gallegos”. Nunca dúas intervencións cirúrxicas (e media) deron para tanto, abofé. “En los casos más graves, los trasplantes pudieron evitar amputaciones de miembros por causa de tumores óseos así como casos de ceguera, ya que se realizaron 119 operaciones de córnea”. Semella que o avance no campo da Medicina é tan grande que agora un implante de córnea che pode salvar unha perna.
Cómpre sermos cautos cando falamos do que non sabemos. Porque se non un acaba sempre mesturando allos con cebolas. E ademais porque sempre aprende un cousas. Acaso sabían que o sangue é considerado un tecido?